Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Deputación da Coruña convoca un concurso de microrrelatos “Suprime o control” dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, co obxectivo de sensibilizar á mocidade sobre a problemática da violencia de xénero.

O obxectivo da organización deste concurso é que a poboación adolescente rompa cos mitos e ideas falsas que rodean ao amor romántico e outros comportamentos como os celos ou o control excesivo, e que son vistos como síntomas do amor e non como o posible xerme da problemática da violencia de xénero. Os microrrelatos presentados deberán contar unha historia en torno á violencia de xénero entre adolescentes, o bo trato e o maltrato nos primeiros noivados, o uso das novas tecnoloxías, etc., empregando un máximo de 300 palabras e incorporando o lema “Suprime o control” no seu texto.

Pode participar todo o alumnado de 3º e 4º da ESO dos 14 centros educativos beneficiarios do programa socioeducativo de prevención da violencia de xénero “SUPRime o ConTRoL” para o curso 2016/17. O número de microrrelatos por participante está limitado a un, deberá ser inédito e realizado como traballo individual.

A data límite para a presentación e envío do microrrelato é o 31 de marzo do 2017.

Se queres saber máis de como participar preme na seguinte ligazón: bases-concurso-microrrelatos e tamén podes seguir a conta de Instagram , Twitter e Facebook para estar ao día das novidades!