O programa leva desenvolvéndose dende o ano 2016 en diferentes puntos do territorio coruñés. No presente curso académico 2018/2019 o programa desenvolveuse en 11 centros educativos de secundaria das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Ademais de incidir sobre as condutas de control e de normalización da violencia de xénero, na presente edición introdúcense dúas novidades importantes, a sensibilización fronte a violencia sexual, como unha manifestación máis da violencia machista, e a diversidade afectivo – sexual, ambos temas estreitamente relacionados coas relacións sexuais e afectivas na adolescencia. Así mesmo, a través do programa abórdanse diferentes temas como a construción de identidades igualitarias, o fomento da intelixencia emocional, a resolución de conflitos, a xestión de emocións, os mitos do amor romántico, ou os perigos das novas tecnoloxías e as redes sociais nas relacións de parella. Así, a través de diversas actividades incídese, especialmente, naquelas actitudes e condutas que favorecen a construción de relacións afectivas saudables, e nas estratexias que potencian actitudes críticas fronte ás desigualdades e a violencia de xénero. Con isto, trabállase para favorecer o desenvolvemento de habilidades de comunicación necesarias para unha resolución de conflitos non violenta, apoiándose na escoita activa, expresión de sentimentos e a asertividade.

Antes das intervencións nas aulas, e coa colaboración do profesorado dos centros educativos participantes, administróuselle ao alumnado un cuestionario cuxos resultados permitiron a elaboración dunha Investigación Preliminar.

Podes consultar o Informe “Date de conta (datos e contas)“, cos resultados da investigación preliminar do curso 2018/2019, clicando na seguinte ligazón: LER INFORME, e descargar o folleto resumo deste informe AQUÍ.